Furibundo era rei de medio mundo. Tiña moi mal xenio e como era algo despistado esqueceu que antes de pechar unha porta convén ter fóra o corpo enteiro: pechou con forza a porta do salón, antes de que a perna dereita acabase de pasar, esmagando a deda gorda do pé dereito.
Cando levaba un mes na cama, coa deda inchada como un enorme tomate maduro, mandou que lle preparasen unha bota para poder andar: o zapateiro real fixo unha cun furado que se negou a poñer, pois asomaba por el a deda vermella coa uña negra e brillante. Todos os zapateiros do reino propuxeron alternativas que el rexeitou. Ata que un zapateiro do reino de Eleuterio, o rei do outro medio mundo, deu coa solución: unha bota con burato para a deda inchada, que lle cubriu cun auténtico balón de fútbol. Aínda que ao fincar o pé no chan doíalle a deda, como estaba feliz só ceibaba un laio pequeno. Andaba dunha maneira ben rara: pousaba só o calcañar do pé dereito, erguía os dous ombros ata as orellas e daba un saltiño adiantando o pé esquerdo. Así paseaba polo reino. E cada vez máis "mandamaises" imitaban ao rei na maneira de andar, mesmo sen balón de fútbol na bota dereita. E tamén a xente. Non se sabe se a deda lle chegou a baixar ou non, porque seguiu a levar a mesma bota ata que morreu. E por iso pasou á historia como "o home que inventou unha maneira de andar".
Por certo, houbo un caso famoso dun neno que, durante un banquete real, lle deu unha patada moi forte a un balón de fútbol que viu debaixo da mesa. Pero esta é outra historia...
O texto e as ilustracións preséntanse en páxinas diferentes e alternativas.