Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

CANDO O AUTOR FALA DE SI


EU TEÑO MEDO...

Cando petan na porta pola noite.

A estar só cando non quero estar só.

A estar no medio de moita xente

A quedar só no mundo

A non morrer nunca

A morrer pronto

A morrer estupidamente nunha estrada

A quedar inútil

A tolear

A que lles pase algo aos meus

A que os que quero non me queiran

A perder o gusto polas cousas que me gustan

A ter que vivir sempre nunha cidade

A que non haxa flores

A que non haxa animais en liberdade

A non poder mirar as estrelas pola noite

A non poder mirar a paisaxe no outono

Ao mar (desde o mar)

A mirar un día para o ceo e non ver un paxaro

A que non haxa troitas nos ríos

A ter que ir á guerra

Á guerra, aínda que non teña que ir

Ás almas miserables

Aos que sempre din a verdade

Aos que menten sempre

A pasar fame

Aos contos de medo

Ás películas de medo

A ir ao dentista

A montar en avión

A non ter medo a nada

A ter moito medo

Cando pasa moito tempo sen que ninguén pete na miña porta

A...


(Cando petan na porta pola noite.

Col. Merlín, Eds. Xerais. Vigo, 1994)



Nacín chairego e fillo de chairegos o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña mai —meu pai de Xermar (Cospeito)—, onde fun por primeira vez á escola.

     Pasando por enriba da etapa máis interesante da miña vida, a infancia, no comezo da adolescencia a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña onde estudiei o bacharelato e maxisterio, sen perder nunca o contacto coa Terra Cha a onde regresabamos en calquera oportunidade por curta que fose a estancia.

     Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.

     Pertencín ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Dei cursos a profesores e lin ponencias en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estructura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra. Estas actividades de reflexión sobre da narración oral, a escritura e a lectura leváronme a participar como conferenciante en eventos sobre tales temas en América en diversas ocasións.

     Escribín libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico.

     Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica de ambos medios.

     Durante un tempo fixen diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galicia e de fóra.

     Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertencín durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.

     Durante tres anos fun columnista semanal na prensa diaria.

     Polos meus libros déronme algúns premios:


     Premio "Feira do Libro de A Coruña, 1989", polo conxunto da obra narrativa.

     Premio "Emilia Pardo Bazán" do Ministerio de Educación.

     Premio "Rañolas 1994" á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia.

     "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995".

     "Honourl List IBBY 1996".

     "The White Ravens 1997" de la Jugendbibliothek de Munich.

     Premio "Lecturas" da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) de 2004.

     "The White Ravens 2005" da Jugendbibliotethet de Munich.






| © 2006-2013 Xabier P. DoCampo |