Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


February, 2016
CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO


CANDO XA NON HAI ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO


Hoxe.12 de febreiro, apareceu en Twitter un chío do PP da Coruña que dicía:


"La @policia analiza unha pintadas en apoyo#ETA en la C/ Real y en la Plaza de Pontevedra. #NuevaPolitica @GmppcO"


e seguía a ligazón a unha noticia publicada en El Ideal Gallego sobre o asunto. Como é lóxico, relacionei isto inmediatamente coa policía identificando a catro choqueiros de Ourense que levaban nos seus disfraces o xa famoso "Gora ALKA-ETA” ou doutro caso de identificiación policial en Asturias a un ou unha que leva a lenda "Gorra la cuchufl-ETA” . Supoño que o cachondeo seguirá como consecuencia do disparate policial, xudicial e lexislativo que levou a uns titiriteiros á cadea. A incapacidade de recoñecer cando se meteu a pata deulles a xuíz, fiscal, policía, medios de comunicación, políticos e tertuliáns que parasitan a determinados políticos  ocasión para se instalaren no lugar máis alto do ridículo.


Como a min o que me gustan son os contos, permitídeme que ilustre este asunto dos titiriteiros e dos seus imitadores con un.


Foi nun centro de ensino da Coruña e sucedeu o dia en que un profesor, que gozaba de poucas simpatías entre o alumnado, ao chegar a aula e despois de subir á alta tarima  na que estaba situada a súa mesa, sentou na súa cadeira abriu o primeiro caixón da dereita da súa mesa. Dentro descubriu unha morea tamaño ración, entre piramidal e cónica, de excremento humano coroada cunha bandeiriña de papel que poñía: "Mierda para el profe”.


Uns segundos de abraio do mestre e comezaron os tronos. Inútiles berros de indignación que, tamén eles abraiaban ao máis dos alumnos (todos rapaces, como correspondía ao tempos) que ignoraban que cousa aparecera no caixón. Había que descubrir o culpábel, para o que o profesor recorreu a todos os métodos daquela coñecidos: a loanza e a ameaza, dirixidos ambos á consecuente delación. Mais ningún deles deu resultado. O paso seguinte foi dar aviso ao director, polo que o profesor tivo que se ausentar, despois de ameazar pouco menos que coa tortura e a morte a quen ousase moverse do seu pupitre durante a súa ausencia.


Non fai falta dicir que, nada máis saír o ofendido pola porta da aula, todos os cativos correron a ver a moreíña de humano produto interior bruto (Manolito Gafotas dixit) coa súa correspondente enseña.


Ao pouco regresou o profesor acompañado polo director que, disposto a xustificar a súa xerarquía,  optou polo método científico precedido pola preceptiva investigación. Para tal experimentación, armado da listaxe alfabética do alumnado da clase,chamou, xaora, por Leandro Abad Arias e ordenoulle saír ao encerado e escribir, o máis arriba que a súa talla lle permitise: "Mierda para el profe”. De seguido pillou, con moito tino,  o carabullo espetado no cagallón (chegados a un punto no que se esgotan os sinónimos e eufemismo, hai que chamar as cousas polo seu nome) e comparou a letra de Abad coa do papeliño, non cadraban. A continuación, sen comentario ningún, chamou por Pedro Balado Leira e ordenoulle que escribise a frase no encerado.


Como tampouco a súa grafía se correspondía coa do papeliño, chamou polo seguinte. E despois por outro e outro e outro... O profesor, de pé ao fondo da aula, ía vendo como o encerado se enchía de repeticións: "Mierda para el profe. Mierda para el profe. Mierda para el profe. Mierda para el profe....” O seu corazón íase enchendo de carraxe e o seu rostro tinguíase de vermello. Aínda así aguantou que o pizarrón negro se fose volvendo da cor branca das letras dos alumnos. Pero chegou un intre no que aquela moreíña que había no caixón acabara en demasiada "Mierda para el profe” até o punto que alancou por entre os rapaces, subiu a tarima, arrincoulle a listaxe da man ao director e parou a investigación grafolóxica berrando "Ya está bien. Déjenlo”.


O director mandou os alumnos ao patio e para o outro día o "profe” deu a súa clase coma se nada... Coma se nada non, porque do que nunca se librou foi do ridículo, até o punto que eu e mais os meus compañeiros seguimos ríndonos daquela historia. Por certo, quen sería o que deixou o agasallo no caixón? Eu non fun, pero visto o caso dos titiriteiros encadeados e dos choqueiros molestados, digo "merda para o profe”.

 



posted by Xabier, February 12, 2016 17:11 | permalink | General

1 - 1 of 1


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |