string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" O blog de Xabier P. doCampo
Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


May, 2013
REMUDA DOS SINAIS DE TRÁFICO


Como moi saben os que aquí andan a ler, esta semana a Garda Civil de Tráfico denunciou todas as peaxes das autoestradas e autovías galegas por teren os indicadores en galego. Aínda que parece ser que as denuncias non se van executar, os responsábeis destas estradas apuraron a pór por enriba da palabra PEAXE un papel pegado onde di PEAJE.
Agora hai que lle procurar unha solución ao sinal de STOP que está en inglés e as persoas que
falan castelán non o van entender e vanse pegar uns castañazosde moito  nabo. Será mellor, antes de que veñan os gardas (chamabámoslles "motoristas" aló na miña afstada infancia). Como aínda non se sabe que solución darlle eu, con toda humildade, propoño unha baseándome no dicionaro da Real Academia Española de la Lengua(1), solución que limparía o sinal, daríalle brillo e alumaríanos co seu resplandor.
 ------------------------------------------
1. so4.

1. interj. U. para hacer que se paren o detengan las caballerías.




posted by Xabier, May 23, 2013 13:40 | permalink | Xeral

ANTES DE ESTAR DE VOLTA, HAI QUE TER IDO


Eu o venres, 17 de maio de 2013, vou estar en Compostela para participar na manifestación pola miña lingua que alí se vai celebrar. Quero ir para lle facer o feo a un goberno que a despreza e quere vela rever día a día até que desapareza.

Si, si, un ano máis. Xa sei que estamos cansos de ir a Compostela cada ano por este día. Cansos de berrar, de facer o mesmo percorrido, ver as mesmas caras. Empezo a comprender aos que preguntan que para que vale ir manifestarse se despois os responsábeis da política lingüística fan o que lles peta, que sempre vén sendo mal. Claro que a ninguén lle faltan razóns para non ir, pero ninguén me pode negar que sobran razóns para ir, e estas son ben máis cas negativas.

Mesmo estou disposto a comprender a quen me diga que é que non lle gusta quen convoca ou como convoca, pero non pode dicir que non lle gusta por que convoca, e aí é onde se apoia toda a forza para irmos: pola lingua propia de Galicia. Pola nosa lingua!

Non falta quen diga: As manifestacións non valen para nada, cousa que escoitan con agrado aqueles fronte aos que nos temos que manifestar. Aí si que teño que dicirlles aos que tal pensan e din que están errados de lado a lado: a única cousa que non vale para nada é non facer nada. Por pouco valor e eficacia que teñan as manifestacións, moito menor é o de non facelas.


Hai quen lle pon reparos a ter que ir todos os anos a Compostela, como se non houbese máis lugares onde reivindicar a lingua de noso. Non lles falta razón, eu mesmo soño co ano no que, por esta data, chamemos a nos manifestar de xeito reticular: en Compostela, na Coruña, en Vigo, en Lugo, en Ourense, en Ferrol, en Pontevedra, en Monforte, en Vilagarcía... e en cada vila ou viliña. Aquí somos vinte mil, alí estamos sete mil, acolá chegan ben aos setecentos, nestoutra serán setenta ou oitenta, e aló fixeron un corro de catorce persoas pola lingua galega... E en total? Cen mil! Duascentas mil! Va que vai ser ben bonito?

Pero iso xa o faremos o ano que vén, agora do que tratamos é deste ano, do venres, Día das Letras de 2013, día de Roberto Vidal Bolaño. E creo que paga moito a pena que vaiamos canto galego e galega sente no peito a dor do trato que recibe a lingua de noso, fálea ou non. É día para que esteamos xuntos militantes e mornos, quen falamos galego arreo, quen o falan ás veces e  quen non o falan case nunca; os desilusionados, os deseganados, os que  xa están de volta de ir a manifestacións e os que nunca foron; os laboriosos e os preguiceiros, os de enriba e os de embaixo, os da esquerda e os da dereita... todos e todas a Compostela a dicir que estamos aquí pola lingua, que non cansamos, que perdan esa esperanza, que non permitiremos que borren a lingua galega dos nosos beizos nin do noso corazón. Nin a nós nin aos nosos fillos, ás nosas fillas...

Non podemos estar de volta sen ter ido. Vaiamos e despois veñamos de volta satisfeitos de berrar pola lingua galega.



posted by Xabier, May 15, 2013 13:41 | permalink | Xeral

A IRMANDADE DO OVO DO PINGÜÍN EMPERADOR



Escribo no aeroporto de Barcelona, punto intermedio do regreso despois de participar en Contesporles, un festival para festexar os contos e a felicidade dcontalos e escoitalos, que un grupo de persoas destemidas e ilusionadas organizaron en Esporles, un fermoso pobo metido nun buraco da Serra da Tramuntana mallorquina.
Mar Rayó e Albert Catalan á fronte dun grupo de veciños que ofreceron o seu tempo e o seu traballo e unha morea de voluntarios de xeneroso corazón, puxéronse ao conto (nunca mellor dito) chamaron por min, polo Miquel Rayó, por Gonzalo Moure, polo Pep Duran, pola Mercé Palay, pola irlandesa Kate Corkery, pola Fada Gina, unha catalá que bota o trasmallo de pillar fadas aló pola Alemaña e outros moitos e moitas e fomos todos de mil amores. Demos conferencias, mesas redondas, contamos contos... e en dous días pasaron por Esporles, para escoitar os contos, as conferencias e todo canto houbo catro mil persoas! Tantas coma a poboación total do pobo.

A xenerosidade desta xente que nos ofreceu as súas casas para nos aloxar (moltes gràcies Jaume i Carme per la vostra hospitalitat), que non sabían que facer para que nos sentísemos a gusto, fixo, mais unha vez, o milagre. Ese milagre de que a sociedade, cando sente que lle queren roubar o goce e a calor vivificadora da cultura, prescinde dos que tiñan entre as súas a obriga de fornecela, e ponse a facer. Reflexiona esa sociedade e chega á máis sinxela e resolutiva das conclusións: o que hai que facer é facer.

Certo é que todos coñecemos casos semellantes de grupos de xente que botan a andar un proxecto cultural nos facareños tempos que vivimos, nos que as institucións, so o escuso de no teren cartos, abandonaron as súa 

responsabilidade de fornecedoras de instrumentos de adquisición de saber cultural. E con isto, con iniciativas coma esta pouco a pouco vaise demostrando que podemos prescindir dos xestores culturais institucionais, dos responsábeis políticos da materia. Transitamos moi de vagar, pero de xeito firme, e comezamos a nos decatar de que do "non nos facedes falta” ao "fóra de aí que non valedes para nada mais que para atrancar o camiño”, non hai nada, un pasiño pequeno. Xa estamos a chegar a esa conclusión. Agora temos que dar un chouto adiante, o de lles dicir que eses cartos (poucos ou moitos, tanto ten) son nosos e visto o visto, como as cousas as facemos nós, veñan para acó os cartos, que os administraremos nós, os que facemos as cousas.

Cada acción coma esta de Contesporles é un golpe na mesa dado co puño pecho e coa enerxía que nace de termos razón, así que ide tomando nota... que en Esporles esta fin de semana pasada naceu a Irmandade do Ovo de Pingüín Emperador.

.



posted by Xabier, May 07, 2013 14:15 | permalink | Xeral
April, 2013
A LIMPEZA DA CHEMINEA


Teño que limpar a cheminea, na miña infancia case todas a semanas pegaba o lume nalgunha por non limpala. Daquela enchías un saco de folla de millo e atábaslle unha corda que mandabas pola cheminea abaixo. Deixabas o saco abocado, desde embaixo tirabas pola corda e o saco ía facendo a limpeza. Iso si, enchías a casa de feluxe e ti quedabas coma Antonio Machín (o peor de lavar eran as voltas das orellas).

Hoxe en día xa se usan aspiradores para que a cousa sexa menos custosa de soportar, así que chamei a uns especialistas, Cide Chimeneas, e non só me responderon en galego con gusto, senón que teñen a súa web en galego (non só se pode escoller entre galego e castelán, senón que detecta a lingua do teu navegador e se o tes en galego, como é o meu caso, xa che sae directamente en galego). 

Poño isto aquí porque é ben que saibamos destas cousas (sei que hai máis casos e debemos facelos públicos)  e, á hora de escoller os nosos fornecedores de servizos, valoremos máis aos que son nosos e se comportan como tales fronte aos alleos ou os que se comportan coma se o fosen.



posted by Xabier, April 24, 2013 12:31 | permalink | Xeral

DÍA DO LIBRO 2113


Hoxe é o Día do LIbro, non o podo deixar pasar sen pór aquí algo que me dea a sensación de festexalo. Por iso copio aquí unha das Catro cartas do meu libro dese mesmo título. Unha carta coa que quero dicir que polo medio do amor tamén andan os libros.

Carta á amada

Querida:  Non che é ningún desatino que che escriba unha carta, porque todo canto escribín sempre foi coma unha carta dirixida a ti. Ademais era unha carta con trampa, eu podía expiar a túa cara mentres a lías. Ti nunca estiveches lonxe, porque sempre estabas a tan curta distancia que podía ver os teus ollos ou tocarche coa miña man. Podo escoitar a túa palabra e podo inventar a palabra que desexas para regalarcha coma o mellor agasallo.

Estou convencido de que son as palabras o que máis nos une. Ti sabes que sempre digo que contar un conto é o máis sublime acto de amor que se pode ofrecer a un ser querido. Os amantes cóntanse contos para que o amor habite entre eles e nunca os abandone. É o máis potente esconxuro para espantar canto meigallo se poida facer para destruír o amor. ¿Contaba contos Sherezade cada noite para esconxurar a morte? Non. Facíao para engaiolar ao rei Sahriyar na rede da palabra. Artellou aquel sarillo dos contos para que o amor fose agromando no seu corazón . Para ela a morte era o desamor daquel home que pouco a pouco foi presa da palabra e por ela, pola palabra, metéuselle dentro aquela muller que era coma a dona de todas as palabras.

Pois xa ves, ti e máis eu igual. As palabras foron o noso acubillo máis dondo e amable. Nel sentímonos tan a gusto que xa non queremos saír. ¡Cantas palabras lle roubei á literatura para levarchas a ti como quen leva unha ofrenda valiosa a un altar! ¡Cantos poetas me prestaron as palabras que máis me emocionaban para emocionarte! Iso é a literatura: unha emoción compartida.  Que fermoso xogo de entendementos e complicidades foi a man que nos tendimos un ao outro, levando nela o libro que contiña as palabras que nos queríamos dicir.

Os libros foron un lugar de encontro ao que íamos procurándonos. Até o punto de amalos como obxectos fermosos. Verte tocar un libro, ollar como lle pasas a man pola capa, moi de vagariño. Con suavidade. Era coma ver a túa man cando me acariñas.  Pensaba, así camiñan as túas mans pola miña pel. Despois tocábao eu e era coma ler a túa caricia.

E entón quixen ser escritor para entregarche as miñas palabras, aquelas que eu inventaba só para ti. E en todos estes anos conseguín escribir unhas poucas liñas que che vin ler con emoción, a mesma emoción que me apertaba a alma e que atrancaba a miña gorxa ao escribilas. Unha nova emoción compartida. Outra vez a literatura. O engado das palabras.

E aquí andamos. Seguimos no camiño, apañando as palabras fermosas. Dentro de pouco as nosas mans, esas que acariñan as capas dos libros, as mesmas que se tocan e se procuran mentres lemos un poema en voz alta, estas coas que nos ofrecemos as palabras encerradas nun libro, comezarán a amosar as manchas que nos avisan de que se esgota o tempo. Seguiremos a pro-urar palabras novas e estou seguro de que nese momento seremos máis xenerosos que nunca ao compartilas. E seguirei a desexar tocarche. E chegar onda ti estás e bicarche os pés, porque, dito tamén agora con palabras prestadas, debaixo dos teus pés está o paraíso. Quérote.



posted by Xabier, April 23, 2013 17:00 | permalink | Xeral
March, 2013
NOELIA


Teño reflexionado con frecuencia sobre o oficio da escritura. É un traballo que forma parte dos meus momentos de felicidade. Fóra dos rostros amados, nada, ningunha ocupación me fixo completamente feliz, ningunha cousa encheu o meu corazón e permaneceu, so tiven lóstregos, seguramente non hai máis nada, iso é todo.

Ando nos institutos e nos colexios onde me encontro cos lectores e lectoras das miñas obras e gústame falar con eles. Procuro que a conversa derive o máis posíbel a falar da literatura, do valor da lectura e do pracer da escritura. Por pudor, fuxo canto podo de falar de min e dos meus libros, prefiro, porque me sinto máis libre de loalas, falarlles das obras dos outros, dos clásicos que amo coma Cunqueiro e Stevenson, pero tamén dos meus contemporáneos, autores grandes e dignos de seren lidos o mais deles. O meu meirande degaro é que lean, non que lean os meus libros.

Vén todo isto a conto de que hoxe estiven no CEIP de San Pedro de Visma, n’A Coruña. Pasei cadansúa hora cos rapaces e rapazas de 5º e 3º de primaria, e foi estando con estes últimos cando sucedeu o intre de felicidade do día de hoxe para min. Levantou a man para facerme unha pregunta Noelia. Noelia é unha nena que, para chegar a onde os outros chegan con facilidade, ten que se pór na punta dos pés da alma. Indiqueille que falase e díxome: "Me gustó mucho tu cuento”, así, aínda que case todos me falaron en galego, ela díxomo en castelán.

Sentinme conmovido até onde o meu corazón resiste. Teriades que ver como me estaba a ollar Noelia cando dixo isto. Tiña nos olliños a mesma luz que, estou seguro, se lle pon cando lle di a súa mai "quérote moito”. A mesma que se acende cando a mestra lle di que o seu traballo está moi ben feito e a felicita. Alí, nos seus ollos, estaba a rebentar un foguete de lucería. Vin, algo que hai moito que non vía, a ollada das verdades da alma, esa pola que se pode penetrar no corazón limpo e fermoso dunha nena que garda nel toda a inocencia do universo.

Só escribir, crear novas historias anceio. Nin éxito literario nin premios nin recoñecementos públicos andei nunca a procurar. Vivín este oficio, collendo o que se me outorgou con agradecemento, pero sempre como se fose algo alleo. Mais se esas cousas arelase nalgún momento da vida, todas, todas as trocaría agora polas palabras de Noelia. Para escoitar cousas así é polo que me paga a pena facer o que fago e seguir desexando escribir un conto máis.



posted by Xabier, March 12, 2013 15:28 | permalink | Xeral

[FIRST]  [PREV]  ... 4 5 [6] 7 8 9 ...  [NEXT]  [LAST]
31 - 36 of 122


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
MAY 2017
MARCH 2017
JANUARY 2017
NOVEMBER 2016
OCTOBER 2016
JUNE 2016
APRIL 2016
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MAY 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: A CHORIMA, A FLOR DAS NOSAS LETRAS
May 12, 2017
:: Ilusionista Martín Varela. SERENDIPIA
March 05, 2017
:: MIMOSAS un filme de Oliver Laxe
January 06, 2017
:: UNHA LEMBRANZA DAQUEL PRIMEIRO DE ANO DE 1959
November 26, 2016
:: UNHA ÚLTIMA CARTA
November 16, 2016






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |