Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


June, 2014
Os camiños para o ESCRITOR NA SÚA TERRA. LETRA E


Comprometinme hoxe no Pazo de Moldes cunha persoa da miña estima a que poñería aquí os distintos camiños que levan a Castro de Ribeiras de Lea, o lugar onde me van agasallar e honrar os meus amigos da AELG que me distinguen como ESCRITOR NA SÚA TERRA. LETRA E deste ano. Aquí está a información do evento.

Pois ben. Os que vaian desde A Coruña poden ir por aquí e non teñen perda.
Desde Ourense, hai que ir por Lugo.

De todos os xeitos a cousa é doada. Sexa de onde sexa indo dar á A-6 (Autovía A Coruña Madrid), bótaste fóra dela na saída 507, que di Outeiro de Rei - Castro de Rei, cóllese cara Castro de Rei e seguir até dar co letreiro que pon Castro de Ribeiras de Lea. Alí comeza o pobo, a primeira casa que hai á esquerda é O Muíño, berce da mila infancia. Seguides, atravesades o pobo en dirección Castro de Rei até a Casa da Cultura, alí estarei eu se non chegades moi cedo.

Eu, coas explicacións que acabo de escribir de seguro que acabaría  nas Quimbambas (que non sei onde quedan, mais miña mai falaba sempre delas como lugar moi, moi lonxe), pero vós sodes máis listos e listas ca min.
Apertísimas a tod@s




posted by Xabier, June 14, 2014 17:58 | permalink | General

XUNTANZA MAXISTRAL*


Foi o de onte un día de grandes emocións e de perdurábel lembranza. Xuntámonos os dez superviventes daqueles que comezamos a nosa carreira de maxisterio no curso 1962-63. Na foto en branco e negro estamos dezaseis, pero 
eramos dezanove.  Nove quedaron no camiño e a alegría non podía dispararse lixeira porque alí faltaban, Jenaro, Manolo de Betanzos, Meijido, Tuto, Barros, Brandariz, Emilio, Chouciño e Ramudo, a súa ausencia pairaba sobre nós. Que a terra lles fose leve a todos eles.

Pero tamén había motivos de alegría, o principal atopárrnonos despois de case cincuenta anos sen máis contacto que esporádicos encontros e con algúns nin iso. Foi un comentario xeralizado que foramos un grupo que sempre nos levaramos ben, que colaborabamos uns cos outros nas dificultades dos estudos e, cousa curiosa, ao nos poñer a ollar fotos vellas, moitas son de representacións teatrais nas que participamos os máis de nós. Constatamos que  iso nos marcou e tivo, grande ou pequena, importancia na vida de cada un de nós, pero en ningún caso pasou por ela sen deixar pegada. O fútbol, as lecturas compartidas, as películas daquel tempo, as mozas, a morte de Kennedy (tiñamos exame de relixión o día 23 daquel mes de novembro, o día 
en que os xornais viñan ateigados de noticias sobre do magnicidio do día anterior)... En fin,  unha tarde a lle dar voltas a algo que se foi, a nosa xuventude, e de algo que chegou, a alegría de nos volver encontrar. E estamos todos bastante ben, non se observaban avarías importantes, nin sequera se vían grandes desarranxos de "chapa e pintura”, loados sexan, pois, os deuses do olimpo da Normal que fan pola nosa conservación.

Foi un día fermoso e quero dar aquí noticia del, pero tamén quero dar aquí testemuño de afecto polos meus compañeiros e amigos: Manuel Pasandín, Francisco Mosquera, Juan Freire, José Enrique Vega, Santiago Fernández, Fernando Vidal, Carlos Rosales, Ramón Sánchez e Antonio Pampín. Longa e feliz vida a todos e vémonos de hoxe nun ano.

-------------------

* XUNTANZA MAXISTRAL é un título que lle deu Fernando Vidal ao acontecemento.



posted by Xabier, June 11, 2014 7:18 | permalink | General

MESTURA


Nesta fin de semana do 31 de maio e 1 de xuño paricipei no I Encuentro Internacional de LIJ en Astorga. Alí tiven a honra de compartir unha mesa redonda cos meus amigos, Fina Casaladerrey, Gonzalo Moure e Rafael Salmerón. Pola amabilidade e afecto con que nos trataron, débolle á alcaldesa de Astorga, Victorina Alonso e á concelleira de cultura, Mercedes González Rojo, a expresión da miña gratitude.
Das moitas cousas interesantes e bonitas que deste evento traio e gardo, quero destacar o ter a fortuna de escoitar ao dúo Mestura, formado por Marisa López Diz e Luis M. Suárez Fernández, participantes ambos no evento, e que me deron a agradábel sorpresa de presentaren un disco, A terrra esqueicida, cantado integramente na lingua galega que se fala entre os ríos Eo e Navia, aí nas terras veciñas e irmás de Asturias.
Resulta conmovedor escoitar a Marisa cantar con voz "ben temperada" de emotiva profundidade musical, os fermosos poemas que compuxo para este disco, todos eles nesta lingua de séculos (que cando ollas, por exemplo, para os topónimos podes afirmar que de milenios) aínda firmemente asentada nestes lugares.
Mais hai que resaltar ben que cando escoitas a Mestura estás a sentir que a música leva estas palabras como se navegasen nunha barca, nun batuxo, polas augas de ambos ríos e que as súas harmonías ecoasen en montes e vales antes de chegaren a nós.
Foi unha delicia e unha felicidade poder gozar disto. Mesmo lles roubei un vídeo cun anaco dunha destas cantigas e que poño aquí co seu permiso. Trátase de "Que naide veña a buscarme" na que, entre outras cousas, din:

[...]
Sou arpilleira na que sempre
se maza el tempo
y levo dentro soledades
del trigo espido.
Que naide veña a buscarme,
que naide veña.
Abondo sei
que pertenezo a esta terra.
Que naide veña a buscarme,
que naide veña.
[...]

Convídovos a procurar este fermoso disco e dárdevos o pracer de escoitalo, e quero dicir tamén o moito que nos gustaría ás galegas e galegos podermos ver e escoitar a Mestura nos escenarios da Galiza neste verán. Mais eu non son axente nin promotor, só alguén que tivo a sorte de coñecelos e escoitalos... e sempre fun de falar ben dos amigos.


posted by Xabier, June 02, 2014 16:29 | permalink | General
April, 2014
A ILLA DE TODAS AS ILLAS. BOOKTRAILER


Hoxe traio o booktrailer que DNL fixo d'A illa de todas as illas.





posted by Xabier, April 08, 2014 11:51 | permalink | General
March, 2014
VISITA A UN CENTRO ESCOLAR


Son moitas as veces e moitos os motivos que cada pouco se debuxan na miña cabeza con este letreiro: "Teño que escribir un post sobre isto”. Despois a cousa non pasa de aí. Non son menos as veces que fago propósito de escribir con maior frecuencia no blog, aínda que non sexa máis que por agradecemento á persoa -esa editora suicida que é Jaio- que mo agasallou hai case oito anos. A ver se desta vez cumpro.
Así que hoxe venzo a preguiza e fago un post, aínda que sexa pequeniño de extensión, porque o motivo é grande.

O venres pasado, 28 de marzo, estiven no CEIP Mosteiro de Caveiro, n’A Capela. Non é novidade porque estou en moitos centros de ensino ao longo do curso escolar, pero este tivo algo de especial. A mais, como no mais dos centros que visito cada ano,  do ben que me trataron os mestres e mestras, do a gusto que estiven coas rapazas e rapaces,  nunha longa e para min, teño que dicilo, algo fatigosa (un xa vai tendo ben anos), aínda que feliz xornada, tomei contacto co traballo inmenso que fan os profesores deste centro.

Alí, neste centro,  naceu coas achegas do alumnado e os seus pais, nais, avós, avoas... e baixo o pulo e o entusiasmo pedagóxico de Secundino García Mera, o que había ser e é o Museo Etnográfico d’A Capela. E agora nace e medra nese mesmo lugar un museo do xoguete tradicional verdadeiramente marabilloso. Polo que ten de noso e polo que lle aporta unha fabulosa e fascinante colección de xoguetes africanos.

Co dito podería ser suificiente, pero hai máis, porque nese desexo e xenerosidade do profesorado, manteñen un Centro de Interpretación de Xogos Tradicionais polo que pasan cada semana un centro escolar convidado. Na visita, entre outras cousas, os alumnos e alumnas que veñen de fóra son introducidos aos xogos tradicionais polos seus pares en idade e ciclo do colexio d’A Capela. Estes monitores explícanlles aos visitantes o obxecto, as normas e o desenvolvemento dos xogos que van vendo e practicando. Hai xeito mellor de facelo? Desde logo que non, e a proba é o gran número de solicitudes de visita que teñen.

Non me era posíbel pasar sen vos contar isto, porque é un traballo digno de ser coñecido e é de xustiza contalo.



posted by Xabier, March 30, 2014 7:24 | permalink | General
January, 2014
ESES LUGARES QUE GARDAN OS SOÑOS DA HUMANIDADE: AS LIBRARÍAS


Cando viaxo, quer por vagar quer por traballo, hai catro lugares que sempre visito: unha igrexa ou catedral (ou mesquita ou sinagoga ou o que corresponda), un cemiterio, un mercado e unha libraría. Ben certo que as librarías ás que vou en cada cidade son varias, mais refírome a esa primeira á que vas porque os autócotonos che din que é bonita. E cando se trata dunha cidade que un visita con frecuencia? Entón vas sempre ás mesmas: as dos amigos e coñecidos.
Vén isto a conto de que o mércores pasado presentamos en Lugo o meu último libro, A illa de todas as illas. Comigo estiveron Xosé Cobas, ilustrador e colaborador necesario para a realización da obra, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e Paco Martín que fixo a presentación do libro. Celebrouse o acto na Libraría Biblos, onde nos atencionaron con xenerosidade.

Eu non estivera nunca nesta libraría e levei unha moi agradábel sorpresa con ela.
As mútiples cores das cubertas e dos lombos dos libros, brillan aquí cunha forza especial, porque o fan arrodeadas da brancura dos andeis e do resto da moblaxe. Brancas son tamén as escaleiras e a varanda superior, ambas amosan un belo diseño combinado de espirais e barrotes verticais que chama a atención. A isto engádase o gusto de andar devagariño por eses corredores elevados, cando os hai como é este caso, ollando sen présas os libros dos andeis superiores.
A presentación fíxose despois do horario comercial, ás oito da noite, e xaora neste tempo, xa anoitecera. Por iso a lámpada esférica pendurada no medio e medio do local deitaba unha luz brillante sobre dos libros, iluminando así a vida e os soños contidos neles, e alumando tamén, ao mesmo tempo, os soños que garda a alma de cada un dos que entramos nesta libraría, que xa debe pasar a formar parte dese catálogo compartido que temos os que amamos os libros: a listaxe das librarías bonitas.
Así que en diante, ademais da catedral, as murallas, o museo, os restaurantes e tabernas... e tantas e tantas cousas que paga a pena ver en Lugo, está tamén a Libraría Biblos.



posted by Xabier, January 31, 2014 15:58 | permalink | General

[FIRST]  [PREV]  ... 1 2 [3] 4 5 6 ...  [NEXT]  [LAST]
13 - 18 of 111


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |