Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


SEPTEMBER 2006


September, 2006
PREGUNTAS E RESPOSTAS


Chamarse Diodoro non sei se é unha felicidade ou unha desgraza, seguramente ningunha das dúas cousas, e simplemente é unha rareza. Pero para rareza a do Diodoro, o Riberao, que non tiña máis preocupación neste mundo que saber como sería a misa en cada país do que coñecía o nome. Abondaba con que a radio no parte dese unha noticia, poñamos por caso, de Dinamarca para que o Diodoro preguntase: “E como será a misa en Dinamarca?”. Era inútil dicirlle que os dinamarqueses son, na súa maioría, luteranos e teñen unha misa que pode durar tres horas coma nada, porque a el o que lle interesaba era a misa católica, a que el coñecía. Entón, se alguén lle respondía que esa sería coma aquí (daquela o rito católico aínda era en latín), o Diodoro alporizábase contra o outro dicindo: “E ti como o sabes? Estiveches algunha vez en Dinamarca?” Sen se parar a pensar en que o que lle dixera aquilo non ía a misa nin aquí nin en Dinamarca.

Porque a felicidade de Diodoro non se producía en que alguén lle dera a resposta que parecía procurar, senón no simple feito de preguntar. A el o que lle gustaba era preguntar, dar conta das súas dúbidas máis íntimas, aquelas que lle ocupaban o pensamento case arreo.

Podemos pensar que están máis perto da felicidade os que preguntan que os que responden?

Será que a sabedoría é amiga dos interrogantes e lévase mal coas respostas?

A vostedes que lles parece?



posted by Xabier, September 29, 2006 18:01 | permalink | General

NADA!


(Aos Pelachos, antes da distancia)

Os mozos puxémoslle o alcume de Sócrates, polo seu costume de responder “nada” a calquera pregunta que lle fixeran. Xa podías preguntarlle pola saúde, pola familia, polos moitos anos que pasara de emigrante na Arxentina ou polo seu propio futuro, el sempre había acabar por resumilo todo en “nada”. Agora non estou eu moi convencido do acerto do chamadeiro, porque a súa postura non era socrática senón absolutamente escéptica. O que de verdade lle ocorría a este Sócrates aldeán era que, cando daba as últimas reviravoltas da vida, perdera até a última faragulla de fe no xénero humano.

Aquel grande escéptico, o meu veciño Sócrates, aprendera a ler e a escribir el só polas noites, e se te puñas ao seu lado na taberna cando estaba a ler o xornal, podías dalo por lido, porque pronunciaba baixiño cada palabra que lía. Pero tamén o podías dar por comentado, porque no mesmo ton de voz describía as fotos que ía vendo e que el relacionaba co lido aínda que non tiveran nada que ver unha cousa coa outra. Nunha ocasión sentinlle ler enteira a noticia dunha inauguración que fixera Franco non sei onde. Virou a páxina e alí aparecía unha foto que non gardaba relación algunha co que acababa de ler e na que se vían un home e unha muller novos, pero el comentou: “Velo aquí está Franco”. Iso si, cada cousa que lía remataba comentándoa cun rotundo: “nada!”.

Cando morreu e íamos pasando todos por diante do seu cadaleito, colocado no medio e medio do comedor, o Merexildo, que sempre viña aos velorios sen sede e falaba cos mortos, plantouse diante do defunto, ollouno  en fite e díxolle: “Coiro, Euloxio, agora é cando de certo non es nada”.



posted by Xabier, September 18, 2006 18:39 | permalink | General

HOXE EMPEZAN AS CLASES


...pero estou pensando en non ir... 

...será mellor que empecedes sen min.



posted by Xabier, September 10, 2006 18:13 | permalink | General

IUBILATIO


Elías Montouto foi o primeiro home que eu coñecín que vivía sen traballar sen ser rico nin rendista. Nos anos cincuenta e nun mundo no que a maioría dos seus habitantes eran labregos de seu, xunto cuns poucos xornaleiros e pequenos comerciantes, todos traballaban máis ou menos. Non é que non houbera ricos que non traballaban, pero tiñan unha facenda que gobernar, porque o Elías non puña nin horta ao pé da casa; non vendía cousa ningunha, simplemente deixaba pasar os días en paseatas, visitas ao café despois de comer para xogar a partida e outra voltiña a pouco paso pola beira da estrada. O Elías tiña unha paga de xubilación. A min que na casa, na escola e na doutrina me teimaban sobre a imposibilidade de afastar a condición humana do traballo, aquilo parecíame o paraíso. Dedicaría a miña vida a adquirir aquela condición de retirado –así se dicía daquela– o antes posíbel.

E agora chegou iso por fin.  Claro que polo camiño houbo de todo, porque até cheguei a papar un planeta. Cando entrei na escola había nove, agora que me vou xa non quedan máis que oito.

Pois que me preste! Teño todo o tempo do mundo para facer a dixestión. Porque iso é o mellor de todo: son dono e administrador do meu tempo. E digo tal porque xa nunca máis terei vacacións, esa trampa que cada ano, co seu final, fai que non poidas esquecer que o tempo non che pertence, que o tes empeñado e chegou a hora de pagar o novo prazo.

Acabei de pagar. Recuperei por fin o dominio dese misterio que se chama tempo. En diante non haberá máis administrador do meu tempo que eu mesmo, e poderei agasallarllo con alegría aos meus amigos, poderei mostrarme xeneroso con aqueles que precisen do meu tempo.



posted by Xabier, September 07, 2006 13:35 | permalink | General

1 - 4 of 4


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |