Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


JUNE 2014


June, 2014
UN DÍA PARA MIN


Todas as persoas amigas que algunha vez pasades por este lugar, xa sabedes de que a AELG dedicoume este ano a súa homenaxe O escritor na súa terra. Letra E, así que aforro descricións e explicacións sobre do asunto e aproveito tempo e espazo para agradecer o que foi, para min, un dia de felicidade.

O evento levoume aos lugares dos meus primeiros acordos: Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei – Lugo), alí xuntáronse xente da miña larga e cumprida familia, primeiro goce do día velos a todos e todas. Pero acudiron tamén as amigas e amigos máis queridos, que máis podo pedir que estar no medio deles?

Só agradecemento debo a AELG que quero facer público nos nomes de Cesáreo Sáchez Iglesias e de Mercedes Queixas Zas, respectivos presidente e secretaria da asociación. Pero tamén no dos outros membros da directiva: Marta Dacosta, Carlos Negro, Antonio Reigosa, Isidro Novo… E, como non, Ernesto e Ana, que, cheos de amor e xenerosidade, fixeron ese traballo de cada día e de cada intre que fai que todo funcione como debe.


E agradecemento debo tamén ao concello de Castro de Rei, que fago público no nome do seu alcalde Francisco Javier Balado, afectuoso e amábel, que fixo posíbel que Castro de Ribeiras de Lea garde agora a lembranza de min nunha pedra que contén as miñas palabras, nunha cerdeira que medrará para ser vida de min e dunha avenida que gardará o meu nome.

En fin, non é posíbel facer unha crónica axustada do día, porque habería ser posíbel facela das emocións, e estas escorren por entre as palabras e non se deixan fixar no papel, mais gárdanse na quentura da alma.


Outra emoción foron as bonitas palabras que me dedicaron: Cesáreo Sánchez Iglesias, no momento de descubrir o monólito e no acto da entrega da Letra E, palabras de poeta. As que dixo Mercedes Queixas ao ler a acta da concesión desta honra por parte da asemblea da AELG e cuxa cariñosa redacción translucía a autoría desta boa amiga. As que lle escoitei con emoción ao meu irmao Agustín Fernández Paz, que fixo unha laudatio á que o cariño lle poñía esaxeración, pero que era ben bonita de escoitar. Ao final falei eu para agradecer e para contar algo de min, do meu paso por Castro e polo mundo.


Grazas, amigas e amigos que organizastes este día para min. Obrigado fico coa miña familia que non faltou no medio doutras obrigas que chamaban por eles noutros lugares ou vinde ben lonxe só para me agasallar. Beizóns amigas e amigos de cada hora que o sábado estivestes comigo, para todos gardarei sempre un recanto ao quente no meu corazón (Verae amicitiae sempiternae sunt).


Para todas as persoas que asistiron ao xantar quixen eu tamén ter un agasallo especial e editei unha plaquette de 250 exemplares numerados e asinados por min, titulada Pedra e Tempo que contén o texto inscrito no monólito e cinco contos encadeados, penso que representativos dunha boa parte do meu xeito de escribir os relatos curtos. Para esa persoas, mais dedicado a todos os creadores e creadoras da patria da Lingua. Leva, non pode ser menos, na capa unha ilustración do meu irmao Xosé Cobas.

E grazas tamén a todas as persoas que me felicitaron por medio das redes sociais e con chamadas ou mensaxes telefónicas, imposíbel responder a todas, aínda que ben o merecían. Obrigado.



Como agasallo recibín unha fermosísima escultura de Silverio Rivas que representa unha letra E do século III, que me enche de orgullo ter na miña casa. Grazas tamén ao grande artista.



posted by Xabier, June 24, 2014 4:34 | permalink | General

Os camiños para o ESCRITOR NA SÚA TERRA. LETRA E


Comprometinme hoxe no Pazo de Moldes cunha persoa da miña estima a que poñería aquí os distintos camiños que levan a Castro de Ribeiras de Lea, o lugar onde me van agasallar e honrar os meus amigos da AELG que me distinguen como ESCRITOR NA SÚA TERRA. LETRA E deste ano. Aquí está a información do evento.

Pois ben. Os que vaian desde A Coruña poden ir por aquí e non teñen perda.
Desde Ourense, hai que ir por Lugo.

De todos os xeitos a cousa é doada. Sexa de onde sexa indo dar á A-6 (Autovía A Coruña Madrid), bótaste fóra dela na saída 507, que di Outeiro de Rei - Castro de Rei, cóllese cara Castro de Rei e seguir até dar co letreiro que pon Castro de Ribeiras de Lea. Alí comeza o pobo, a primeira casa que hai á esquerda é O Muíño, berce da mila infancia. Seguides, atravesades o pobo en dirección Castro de Rei até a Casa da Cultura, alí estarei eu se non chegades moi cedo.

Eu, coas explicacións que acabo de escribir de seguro que acabaría  nas Quimbambas (que non sei onde quedan, mais miña mai falaba sempre delas como lugar moi, moi lonxe), pero vós sodes máis listos e listas ca min.
Apertísimas a tod@s




posted by Xabier, June 14, 2014 17:58 | permalink | General

XUNTANZA MAXISTRAL*


Foi o de onte un día de grandes emocións e de perdurábel lembranza. Xuntámonos os dez superviventes daqueles que comezamos a nosa carreira de maxisterio no curso 1962-63. Na foto en branco e negro estamos dezaseis, pero 
eramos dezanove.  Nove quedaron no camiño e a alegría non podía dispararse lixeira porque alí faltaban, Jenaro, Manolo de Betanzos, Meijido, Tuto, Barros, Brandariz, Emilio, Chouciño e Ramudo, a súa ausencia pairaba sobre nós. Que a terra lles fose leve a todos eles.

Pero tamén había motivos de alegría, o principal atopárrnonos despois de case cincuenta anos sen máis contacto que esporádicos encontros e con algúns nin iso. Foi un comentario xeralizado que foramos un grupo que sempre nos levaramos ben, que colaborabamos uns cos outros nas dificultades dos estudos e, cousa curiosa, ao nos poñer a ollar fotos vellas, moitas son de representacións teatrais nas que participamos os máis de nós. Constatamos que  iso nos marcou e tivo, grande ou pequena, importancia na vida de cada un de nós, pero en ningún caso pasou por ela sen deixar pegada. O fútbol, as lecturas compartidas, as películas daquel tempo, as mozas, a morte de Kennedy (tiñamos exame de relixión o día 23 daquel mes de novembro, o día 
en que os xornais viñan ateigados de noticias sobre do magnicidio do día anterior)... En fin,  unha tarde a lle dar voltas a algo que se foi, a nosa xuventude, e de algo que chegou, a alegría de nos volver encontrar. E estamos todos bastante ben, non se observaban avarías importantes, nin sequera se vían grandes desarranxos de "chapa e pintura”, loados sexan, pois, os deuses do olimpo da Normal que fan pola nosa conservación.

Foi un día fermoso e quero dar aquí noticia del, pero tamén quero dar aquí testemuño de afecto polos meus compañeiros e amigos: Manuel Pasandín, Francisco Mosquera, Juan Freire, José Enrique Vega, Santiago Fernández, Fernando Vidal, Carlos Rosales, Ramón Sánchez e Antonio Pampín. Longa e feliz vida a todos e vémonos de hoxe nun ano.

-------------------

* XUNTANZA MAXISTRAL é un título que lle deu Fernando Vidal ao acontecemento.



posted by Xabier, June 11, 2014 7:18 | permalink | General

MESTURA


Nesta fin de semana do 31 de maio e 1 de xuño paricipei no I Encuentro Internacional de LIJ en Astorga. Alí tiven a honra de compartir unha mesa redonda cos meus amigos, Fina Casaladerrey, Gonzalo Moure e Rafael Salmerón. Pola amabilidade e afecto con que nos trataron, débolle á alcaldesa de Astorga, Victorina Alonso e á concelleira de cultura, Mercedes González Rojo, a expresión da miña gratitude.
Das moitas cousas interesantes e bonitas que deste evento traio e gardo, quero destacar o ter a fortuna de escoitar ao dúo Mestura, formado por Marisa López Diz e Luis M. Suárez Fernández, participantes ambos no evento, e que me deron a agradábel sorpresa de presentaren un disco, A terrra esqueicida, cantado integramente na lingua galega que se fala entre os ríos Eo e Navia, aí nas terras veciñas e irmás de Asturias.
Resulta conmovedor escoitar a Marisa cantar con voz "ben temperada" de emotiva profundidade musical, os fermosos poemas que compuxo para este disco, todos eles nesta lingua de séculos (que cando ollas, por exemplo, para os topónimos podes afirmar que de milenios) aínda firmemente asentada nestes lugares.
Mais hai que resaltar ben que cando escoitas a Mestura estás a sentir que a música leva estas palabras como se navegasen nunha barca, nun batuxo, polas augas de ambos ríos e que as súas harmonías ecoasen en montes e vales antes de chegaren a nós.
Foi unha delicia e unha felicidade poder gozar disto. Mesmo lles roubei un vídeo cun anaco dunha destas cantigas e que poño aquí co seu permiso. Trátase de "Que naide veña a buscarme" na que, entre outras cousas, din:

[...]
Sou arpilleira na que sempre
se maza el tempo
y levo dentro soledades
del trigo espido.
Que naide veña a buscarme,
que naide veña.
Abondo sei
que pertenezo a esta terra.
Que naide veña a buscarme,
que naide veña.
[...]

Convídovos a procurar este fermoso disco e dárdevos o pracer de escoitalo, e quero dicir tamén o moito que nos gustaría ás galegas e galegos podermos ver e escoitar a Mestura nos escenarios da Galiza neste verán. Mais eu non son axente nin promotor, só alguén que tivo a sorte de coñecelos e escoitalos... e sempre fun de falar ben dos amigos.


posted by Xabier, June 02, 2014 16:29 | permalink | General

1 - 4 of 4


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |