Na altura está xa todo dito, pero non quero deixar pasar o dia sen contar algo do que vin e sentín onte na illa de San Simón. O lugar e a data son xa os da máis grande festa da literatura galega (dito por un lector compulsivo: a mellor que se está a facer a tal hora no estado español), pero tamén da liberdade. Os mantedores que desde aquel 2005 no que falou Pepe Cáccamo até onte no que escoitamos un fermoso parlamento de Fina Casalderrey, pasando polas afoutas palabras de Agustín Fernández Paz o ano pasado, sempre, na primeira quincena de xuño, se cantou na illa Mediño ese dobre carácter do acto: literario e da liberdade.
Onte recibiron os premios Xerais (XXVII) e
Merlín (XXV) dúas rapazas que son
coma dous fachos de esperanza e de ilusión
para a literatura galega. Dúas voces que, non coñecendo aínda as súas obras,
nos deron sendos avances nas súas valentes e fermosas palabras. Teresa González
Costa, coa voz entrecortada, deu testemuño claro de que a literatura é aquilo
que, feito coa memoria persoal, se eleva á fonda memoria de todos nós. Iolanda
Zúñiga, cun discurso (e chámolle así conscientemente pola súa claridade argumentativa)
que diouvaba literatura sobre todos nós. Iolanda tamén nos veu falar da urdime
da literatura, de cómo nos vai fornecendo das palabras que precisamos para nos
nomear todo o que non sabemos de nós mesmos, de cómo se fai arte e vai dando
nome aos nosos sentimentos.
Día fermoso no que os amigos de Bernardino Graña queríamos tamén estar en Cangas con el, pero púidonos esta vez o chamado desta festa que artella o irmao Bragado e que "curra” a sempre benquerida Celia Torres.
Tamén me gustou coñecer persoalmente algúns amigos virtuais: Albixoi, Arume (que escribe tamén hoxe unha atinada e fermosa crónica do que alí sucedeu), Rexina (Que boa moza!), María Ovelleiro (Tamén!!)… e, o mellor de todo, encontrarme con tantas amigas e amigos que o acompañan a un nas pelexas e nos azos, nas loitas e nas derrotas, no camiño e na meta… En fin, aqueles que me han vir ao enterro.

















