string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" June 2006 « O blog de Xabier P. doCampo
Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


JUNE 2006


June, 2006
A NECESIDADE DE FALAR


Salvador era pequeneiro, groso e de rostro avermellado. Facía longas camiñatas acompañado dun burro cativo que debía ser tan vello coma el. Non se lle coñecía outra ocupación que non fose aquela de andar polos camiños co burro. A todas partes ían xuntos, mesmo non se podería dicir con exactitude quen acompañaba a quen até que chegaban ao destino. Pasaban os dous por un camiño e ao chegar ao prado o burro poñíase a pacer mentres o home ollaba para el, entón era claro que Salvador acompañara ao burro. Pero se subían entrambos e dous pola estrada e o bípedo entraba na taberna e o animal ficaba fóra agardando que o home acabase de tomar o seu vasete, daquela ben se vía que era o burro o acompañante.

O que non se viu nunca é que Salvador fose de acabalo no burro. Non,  el sempre ía a carón del, cabeza con cabeza, porque o homiño non tiña máis alzada da que tiña o animal.

Con frecuencia había alguén que lle preguntaba por que non montaba no burro, e el sempre respondía o mesmo: «Animaliño, dáme mágoa. Non creo que poida comigo».

A xente comezou a lle dicir que, xa que nunca se poñía de acabalo do burro,  debía facerse cunha bicicleta para aquelas súas longas camiñatas. E tanto lle teimaron que comezou tratos cun veciño que vendía bicicletas para lle trocar o burro polo vehículo. Pouco a pouco rebaixou a alta valoración que tiña do animal e, engadindo uns cartos, chegaron a acordo vendedor e comprador.

Aos catro ou cinco días xa estaba de novo diante do vendedor coa pretensión de desfacer o cambio. Viña disposto a renunciar aos cartos e ofrecía troco a pelo: a máquina polo burro. «¿E logo, tamén che dá mágoa montar na bicicleta?» «Non, home, non. Que me ha dar. O que pasa é que non sei que me dá que me vexan falando coa bicicleta como antes falaba co burro, porque ao que non me afago é a non falar.»



posted by Xabier, June 20, 2006 15:17 | permalink | Xeral

Lembrar é vivir: A PROBA


Aquela era a proba de valentía imprescindíbel para ser admitido no grupo dos maiores, daqueles que deran o paso persoal de abandonar a infancia sen agardar a que fosen os adultos os que lles outorgasen a categoría aparellada a tal tránsito. Non sei xa cantas veces me fixeran a pregunta ritual e, como a miña resposta sempre fora negativa, igual número de veces me vira rexeitado.

–Imos bañarnos ao muíño? –dicía un.

–Podo ir convosco? –preguntaba eu.

Virábanse todos e o que tivera a idea de ir a se bañar no cubo do muíño adiantábase unha pasada e ceibaba con solemnidade:

–Ti vícheslle os collóns a San Miguel?

–Non –respondía cunha sinceridade que a min mesmo me sorprendía.

–Pois daquela... –remataba o que fixera a gran pregunta abrindo os brazos e erguendo os ombros, coma indicando a imposibilidade de acceder ao grupo dos grandes mentres non deses cabal conta de ter ollado os atributos masculinos daquel arcanxo San Miguel que, situado no lado da epístola da igrexa parroquial, erguía ao ceo o brazo dereito no que portaba unha espada flamíxera, mentres co esquerdo estendido cara adiante, sinalaba a uns imaxinarios Adán e Eva o camiño da saída do paraíso.

Esa era a proba que había que pasar para entrar nestoutro edén terreal que é a confianza dos máis grandes. E era unha proba moi dura porque nela entraba en xogo a mesma alma. Achegarse ao santo e ollarlle por baixo das saias, mesmo só pensar en facelo, luxaría a miña ánima cunha mancha que moito me había dar que lavar no confesionario.

Pero, ao mesmo tempo, non había outro camiño. Pensar en dicir que si, que llos mirara sen telo feito era un grave risco.Podían comezar a facer preguntas de difícil resposta: E como son? Ten os dous iguais? Para que lado carga? Imposíbel, por ese camiño pillaríanme e sería peor. Non había outro remedio que ir á igrexa, erguerlle as vestimentas ao santo e ollar para a entreperna. Iso ou vivir condenado ao parvulario até cumprir os doce ou trece anos, como lle pasaba ao Celso da Mosqueira, que xogaba coas nenas porque aínda non fora quen de pasar a proba. Así que calquera cousa parecía mellor que seguir naquel inferno dos caguiñas que non ousaban erguerlle os capisaios ao santo.

O mellor momento era antes do rosario, mentres o crego aínda estaba na sancristía e as beatas subían abaneando o corpo a un lado e a outro pola costa arriba.

Entrei amodiño, andando nas puntas dos pés. Na igrexa non había ninguén, só sentía ao crego cazolear por tras do altar, na sancristía. Confiaba en que a bronquite crónica advertise da proximidade do cura se decidía achegarse á porta.

Cando estiven ao pé do santo, decateime de que me había faltar un bocadiño de talla para poder ollar ben, así que pillei un reclinatorio e achegueino. Botei man á veste con dous dedos trementes coma varas verdes. A suor metíaseme nos ollos e picábanme. Erguín con coidado a saia branca do anxo tronador e metín a cabeza dentro. Fíxeno cos ollos pechados. Despois, mortiño de medo, ollei para enriba, para os atributos testiculares e... nin había nada nin nada podía haber. O San Miguel por dentro non era máis que un pau que remataba na cabeza, outros dous paus facían de brazos e só tiña un pé, aquel máis adiantado que sobresaía por baixo da saia e que formaba parte da peana e non do inexistente corpo do santo.

Ceibei a saia e botei a correr pola igrexa adiante sen me importar xa o ruído que puidese facer. Xa era un home feito e dereito.

–Imos á Lama pillar ras?

–Imos –dixen.

–Non cho preguntei a ti. Ti non vés que non lle viches os collóns a San Miguel.

–Si que llos vin.

–E cando?

–Onte pola tarde. Queres que che diga como son?

–Non, non fai falla. Veña imos.



posted by Xabier, June 20, 2006 14:58 | permalink | Xeral

1 - 2 of 2


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: A ILLA DE TODAS AS ILLAS. BOOKTRAILER
April 08, 2014
:: VISITA A UN CENTRO ESCOLAR
March 30, 2014
:: ESES LUGARES QUE GARDAN OS SOÑOS DA HUMANIDADE: AS LIBRARÍAS
January 31, 2014
:: DE CARRICANTAS E VAGALUMES
December 09, 2013
:: REMUDA DOS SINAIS DE TRÁFICO
May 23, 2013






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |