
A nosa ledicia de hoxe faise na festa da
palabra que é o nacemento de Praza Pública, que consideramos tamén unha festa
da liberdade, da auténtica, da verdadeira, da que se ergue no medio do silencio
e tira a mordaza da boca deste pobo. Dunha liberdade que suma, non daquela que
quere o silencio do outro.
Por iso me algro tanto hoxe da aparición de
Praza Pública, o novo xornal dixital para os galegos e galegas que desexan
saber do mundo na súa lingua. Este agromar anuncia unha primavera máis,
daquelas mil que nos prognosticou Cunqueiro, para a nosa lingua. Unha primavera
na que haberán florecer en pouco tempo outras novas voces (Sermos Galiza e
Dioivo xa están rompendo a casca do ovo). Con elas e coas xa existentes (Tempos
Novos, Galicia Confidencial (GC), Novas da Galiza, O Val Miñor Info, Terracha
Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), Que Pasa na Costa, De Luns a Venres,
Crónica 3, O Sil, Certo, A Peneira Dixital... e radios como as de Radiofusión ou Radio Nordés...)* formarase o coro da voz galega libre e plural.
* Hanme perdoar que non poña as ligazóns destoutros medios que ben o merecían, pero é que a festa hoxe é para Praza Pública.

















