Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


DECEMBER 2013


December, 2013
DE CARRICANTAS E VAGALUMES


Non esquezo nin esquecerei nunca un sucedido que me contou o amigo Xavier Campos e que sucedeu aló polas súas fermosas terras de Ribadeo ou polo menos non moi lonxe.

Xogaban nun prado dous nenos, un era un visitante madrileño e o outro orixinario e residente no lugar. De súpeto e cheo de abraio parou en seco o rapaz autóctono e exclamou:

-Mira, mira unha carricanta.

Non menos admirado, tamén o forasteiro se anicou para ollar o insecto.

-Va que é bonito? -volveu dicir o mariñán.

-Si -respondeu o madrileño-. Y cómo se llama en castellano?

Dubidou o compañeiro. Ollou o insecto un anaquiño, e virouse para o amigo:

-Ti dille carricanta, que este é de aquí.

 

Veume a anécdota á memoria cando escoitei neste verán un conto pola radio. Era un conto que desde unha emisora galega dirixían aos nenos e ás nenas que puidesen estar a escoitar. O conto estaba narrado en castelán por unha muller e trataba dun vagalume, aínda que no título e na narración dicían luciérnaga. Non era un gran conto no tocante á súa calidade literaria e polo feito narrativo era dunha estensión excesiva, algo que faría que os ouvintes infantís abandonasen a atención antes de chegar ao desenlace final.


Mais o que distinguía o relato era a repetición continua da especie do seu protagonista, a luciérnaga, o que non é mala técnica narrativa nos contos para os máis pequenos, a non ser por un grave problema que se daba neste caso: seguramente ningún dos ouvintes infantís tería visto nunca unha luciérnaga, por tanto o conto trataba dun ser tan descoñecido que podía chegar a ser tomado polos rapaces que escoitaban, como inexistente ou como imaxinario e dotado, por tanto, de características físicas, ecolóxicas e vitais fantásticas.


Digo isto porque os ouvintes falantes de castelán e, na súa maioría, de ambiente urbano, non terían visto nunca un vagalume: non os hai nas cidades desde hai moito tempo. Así que eses nenos e nenas cando están a escoitar o conto están a ouvir falar dun insecto que non coñecen nin coñecerán, seguramente. 

Outros posíbeis rapaces que estivesen escoitando o conto desde a súa casa no chamado mundo rural, estarán na mesma situación, porque para eles unha luciérnaga tampouco é un insecto coñecido. Eles coñecen o vagalume (o seu nome máis estendido, aínda que poida ser que lle chamen lucecú, verme alumón, cagacú, corcoño, vella, lucerna...) porque o teñen visto algunha vez alumar no medio dunha silveira ou na beira dun camiño. E daquela o pai, a nai, o avó... calquera que o ama se aniñou para mostrarllo e falarlle del e contarlle, de seguro, algunha lenda ou algún conto protagonizados por tan atractivo bichiño. Xa nunca máis o haberá de esquecer


Digo todo isto porque para ambos nenos, un porque nunca os viu e o outro porque non o chamaron polo seu nome, perdeuse a ocasión de lles contar un conto que falase dun insecto de aquí: o vagalume. As luciérnagas non son de aquí.



posted by Xabier, December 09, 2013 12:54 | permalink | General

1 - 1 of 1


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |