Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


OCTOBER 2011


October, 2011
NOVA TERMINAL DE LAVACOLLA: DA LINGUA ESCARNECIDA


Pola vía de Martin Pawley chégame esta foto que fixo a amiga María Solar. Está na nova terminal de Lavacolla, esa que acaban de inaugurar hai uns días. Alguén, o/a responsábel da sinalética, o/ director/a do aeroporto, a empresa que se encargou de facer os carteis, algún deles, ou todos (que é o que máis ben creo) é un analfabeto absoluto ou forma parte dunha conspiración contra a nosa lingua. Ningún galego ou galega, ningunha persoa que leve vivindo en Galicia máis de seis meses e teña a ESO aprobada ignora que sún non di nada e aí debe dicir súa  e iso debera darlle para comprobar ou mandar comprobar o letreiro, polo menos, tanto como se recomenda comprobar a etiqueta da equipaxe. Pero o desleixo no propio estase a converter nunha práctica frecuente por parte das persoas que máis deberan atender a respectalo, a dar o exemplo de valoración do noso idioma como parte do noso ser, do que nos fai o que somos, nada mellor nin peor, senón de algo que di de nós como galegos e que se nos identifique como tales. Estou seguro que alguén revisou debidamente a ortografía do texto castelán e do texto inglés, pero un  pulo íntimo de desprezo levouno a non facer tal co texto en lingua galega e escribiu (e permitiu) un disparate. Estou seguro que esta persoa tense a si mesma por persoa culta,  e non me sorprendería que fachendee de ignorar a lingua propia deste país, se é galego por autoodio e vergoña do seu e dos seus; se é de fóra porque ninguén lle aprendeu a sentir a necesidade de aprender a lingua do país que o acolle e lle dá un posto de traballo. Permítome lembrarlles que quen se sente orgulloso da ignorancia é un ignorante e quen en Galicia tamén sabe galego ou tamén sabe castelán, sabe máis có que só sabe unha das dúas linguas.
En fin, ese é o carteliño exposto para escarnio e vergoña dos responsábeis de tal lingüicidio.



posted by Xabier, October 23, 2011 15:06 | permalink | General

TIÑA QUE CHEGAR... MAIS TARDOU


Co comunicado de ETA anunciando o "cese definitivo da actividade armada”, de xeito parecido ao que din que lle pasa a un, cando nos intres últimos da vida, ve como se abren á fronte as portas da morte, onte pasoume nuns poucos segundos, por diante dos ollos da alma case toda a miña biografía, aquela parte dela que se refire á conciencia política, aos desexos íntimos, e ás accións persoais para acadalos, dunha organización social máis xusta e máis igualitaria.

E nesa película que se proxectaba na pantalla do meu corazón había un cúmulo de contradicións e, tamén, un sitio para a contrición. Porque eu, pola miña idade e a atención que sempre lle puxen aos camiños da convivencia, fun, paso a paso acompañante consciente de toda esta etapa que agora parece en camiño de se pechar (e aquí son moi sabedor de escribir pechar e non cerrar, palabras ambas ben galegas e de significados ben lonxe da sinonimia). E nese longo período da historia pasei por todas as etapas. Pola da comprensión e da xustificación, até pola do horror e a incomprensión. Non esquezamos que houbo un tempo no que, coa ditadura de Franco moi viva, determinadas accións de ETA xeraban unha corrente de simpatía que desembocaba despois nun sentimento de xustiza e liberación que os antifranquistas recibíamos con alegría. Pero a medida que pasaba o tempo, todo se foi torcendo e derivando cara o incompresíbel, o innecesario e o inútil.

Agora parece que principia un novo tempo. Oxalá así sexa. Deámoslle á sociedade vasca, verdadeira protagonista da chegada da nova situación, os nosos parabéns e os nosos mellores desexos para o futuro. Enviémoslles ás vítimas, a todas as vítimas: os mortos por un tiro na cabeza mentres paseaban ou tomaban un café, os destrozados por unha bomba debaixo do automóbil no que arrincaban, os secuestrados, os ameazados, pero tamén aos torturados nos sotos de cuarteis e comisarías, os afogados porque alguén mantiña a súa cabeza debaixo da auga, os enterrados en cal vivo, os condenados porque levaban adiante un periódico que non gustaba, a todas as mulleres e a todos os homes que nestes tempos que parecen acabar se lles tirou ou derramou a vida, enviémoslles, digo, un desexo de conforto e unha petición de xenerosidade, porque o tempo que vén agora, o tempo de construír a paz verdadeira, vai ser longo, non se despachan tantos anos duros nuns meses. E despois fique a memoria, a do sufrimento e da dor, sobre dela pódese edificar un tempo de alegría e felicidade porque os mortos son xenerosos se os vivos sabemos selo no seu nome.

E, por fin, desterremos entre todos a podremia que derraman sobre da linguaxe aqueles que ven como finaliza un tempo no que se alimentaban coma voitres, que,  fartos de carne podre, deixan sentir os seus arrotos. Seguirán a verter no papel e nas ondas a súa linguaxe do insulto e da calumnia, pero xa pouco lles queda, tan só o que un seu alcaiote lles anunciou: tempo de "ladrar o seu rancor polas esquinas”. E ese tempo é o da nosa alegría e da nosa esperanza.

 



posted by Xabier, October 21, 2011 15:05 | permalink | General

A CATEQUISTA ATEA


CARTA ABERTA AO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA


Sr Presidente: Supóñoo coñecedor das declaracións feitas pola Deputada Provincial Zaira Rodríguez Pérez, responsábel nesa institución, entre outras cousas, de Normalización Lingüística. De todos xeitos e para coñecemento doutros lectores e lectoras desta carta reproduzo aquí á pérola deitada pola señora deputada:


-Entre sus áreas de trabajo, usted es la responsable de normalización lingüística. Puede parecer algo chocante en una persona que no habla gallego.

-Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero creo que cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo.


Para a concelleira de cultura da Coruña (que tamén afirmaba que na súa cas falaban galego, como se isto xa as liberase por vía sucesoria de calquera responsabilidade persoal en relación coa lingua) hai cousas "demasiado gallegas”  e para estoutra , que quere que lle diga? Vostedes onde as buscan? Entre aquelas que fan xuramento de desprezo polo país, pola súa cultura, pola súa lingua e por todo canto fai que os galegos sexamos galegos e non outra cousa?


Lamentabelmente non podo crer que vostede ignoraba a actitude antigalega desta persoa cando a nomeou, porque tamén non creo que a súa postura(a dela) veña de onte. Cousas coma esta demostran que a certas persoas do seu partido cóbreas un manto de indignidade que, con chulería, fan público cando se senten amparadas ao acubillo do poder.


Esta muller non pode seguir nin un minuto máis no cargo no que vostede a colocou, porque a súa actitude de desprezo pola lingua propia de Galicia é unha actitude miserábel. É coma colocar na catequese católica á unha catequista atea. É un insulto máis desde o seu partido político, ás persoas que falamos galego, que queremos a súa normalización e que pelexamos porque o seu estatus de lingua oficial en Galicia sexa de facto o mesmo do que goza o castelán.


Non pode Zaira Rodríguez, por moito que invoque a súa liberdade, sendo deputada de normalización lingüísitica, facer semellantes declaracións, nas que fai gala de actuar en  contra da nosa lingua e da súa normalización, porque normalizala é falala, escribila, defendela e promover o seu uso. Por iso debe ser destituída inmediatamente, se non quere vostede converterse en cómplice e defensor desta actitude de aldraxe á nosa lingua e aos seus falantes. Bótea fóra, non ten dereito nin a dimitir, debe irse con indignidade, porque é indigna do cargo que ocupa. Pero é que ademais, ese fachendear da impunidade de semellantes declaracións diante dos responsábeis do seu partido, só vén a poñer de manifesto cal é a actitude oculta (?) do Partido Popular en relación coa lingua propia de Galicia: poñer ao raposo a coidar das galiñas. Así pode garantir a quen sexa que llo pediu, que segue a afondar na desaparición do galego.


Non me veñan agora con desmentidos, queixas de mala interpretación e outras andrómenas, esta muller retratouse como incapaz para o cargo por incompetencia manifesta, así que o que ten que facer vostede é relevala inmediatamente, e se non o fai é porque é coma ela.


Un cordial saúdo,


Xabier P. DoCampo

 

 



posted by Xabier, October 03, 2011 7:15 | permalink | General

1 - 3 of 3


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |